O pleno da Real Academia Galega acordou adicarlle o Día das Letras Galegas 2020 a Ricardo Carvalho Calero. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século pasado, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vinculada á historia do galeguismo no século XX.
Carvalho Calero cursou o bacharelato en Ferrol, a súa cidade natal, e trasladouse a Santiago de Compostela no 1926 para estudar Dereito e Filosofía e Letras e cumprir co servizo militar. Aí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da época, especialmente co Seminario de Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política de Carvalho Calero, integrado no movemento nacionalista e tomando parte no activismo estudantil na Federación Universitaria Escolar, da que chega a ser presidente.
No 1931 participou na creación do Partido Galeguista e contribuiu na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. De 1933 a 1936 volve a Ferrol e gaña a praza de auxiliar administrativo no concello da cidade, casa con María Ignacia Ramos, licenciada en historia e compañeira de estudos universitarios.
Nestes anos contribuiu con numerosas colaboracións nas máis destacadas revistas literarias (A Nosa Terra, Nós, Guion, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color) e iniciou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en castelán e despois en galego.
Estudou por libre a carreira de Filosofía e Letras, ademáis da carreira de Dereito, licenciándose no 1936 pola Universidade de Santiago de Compostela, participando ó mesmo tempo activamente no movemento galeguista tanto a nivel local como nacional, sendo nomeado presidente do partido en Ferrol.
A sublevación do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, no momento no que concurría ás probas para profesor de instituto en Lingua e Literatura Española. Carvalho Calero mantívose fiel á República, no batallón Félix Bárzana da FETE-UGT, o sindicato no que Calero militaba, co grao de tenente e participou na defensa de Madrid.
Unha vez rematado o conflito, foi condenado en consello de guerra a 12 anos por separatista e recluido no cárcere de Xaén. No 1941, saíu en liberdade provisional e regresou á súa cidade natal. Imposibilitado para exercer a función pública, o filántropo e empresario galego Antonio Fernández López ofrecéulle a posibilidade de refuxiarse na educación privada entre o 1950 e o 1965 no Colexio Fingoy de Lugo, no que exerceu como conselleiro delegado, pois non estaba autorizado para ser o director.
Restableceu os contactos cos galeguistas que quedaran no país, moi especialmente con Francisco Fernández del Riego, con quen mantera correspondencia dende o cárcere. Paralelamente á súa labor docente, desenvolveu nestes anos un importantísimo traballo investigador —iniciado coa súa tese de doutoramento, Aportacións á literatura galega contemporánea (1955, premio extraordinario) — que tivo como froito máis valioso a publicación no 1963 da Historia da literatura galega contemporánea.
Foi membro da Real Academia Galega a partires do 1958. No 1965 autorizóuselle exercer na educación pública como agregado do instituto no Liceo Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, ó mesmo tempo que comeza a impartir aulas de galego na Universidade. Por fin, no 1972 accedeu por oposición á recén creada cátedra de Lingüística y Literatura Gallega.
Os estudos de Carvalho abranguían igualmente a lingua. Recollendo a herdanza dos autores do primeiro Rexurdimento e os traballos do profesor Rodrigues Lapa, Carvalho Calero, preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego a pesar da férrea oposición que atopou no camiño, mostrouse defensor das teses etimoloxistas que terían continuidade no movemento reintegracionista, feito que lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida.
O reintegracionismo é unha corrente lingüística, cultural e social que sostén que o galego e o portugués forman parte do mesmo diasistema lingüístico, coñecido como diasistema galego-portugués, o cal posee na actualidade dúas normas: as oficializadas en Portugal e os países lusófonos de África e a vixente no Brasil, ás que cabería engadir unha terceira norma, a de Galicia, actualmente en proceso de normalización.
Os reintegracionistas entenden que a normativa oficial vixente en Galicia, é dicir, as NOMIGa (Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego) elaboradas pola Real Academia Galega e polo Instituto da Lingua Galega, é inapropiada, posto que consagra a castelanización do galego. Para eles, a última reforma normativa da RAG, aprobada no 2003, denominada normativa de la concordia, obedece a dita concepción e mantén os rasgos que interpretan como máis chamativos da castelanización.
Atendemos ós seguintes exemplos: a letra ‘ñ’, o dígrafo ‘ll’, os sufixos ‘-ería’ (aínda que acepta como variante ‘-aría’), ‘-ble’ (admite tamén ‘-bel’), ‘-ción’, ó tempo que as preferencias lexicográficas rexiríanse polas pautas das castelás.
Así mesmo, desenvolvería unha amplia labor como editor dos clásicos. Xubilouse no 1980 pero mantivo, a súa actividade creadora e seguíu colaborando con diversas asociacións. No 1987 obtivo o Premio da Crítica de narrativa galega pola súa obra Scórpio.
Actualmente, a que fora biblioteca persoal de Ricardo Carvalho Calero forma parte dos fondos bibliográficos do Parlamento de Galicia dende 1997, ano no que foi adquirida xunto co seu arquivo persoal. A colección está formada por 4872 volumes de monografías e coleccións de 197 títulos de revistas. Entre o heteroxéneo material da colección destacan documentos personais e docentes, correspondencia, dossieres e recortes de prensa, obra propia e allea, así como material gráfico (láminas, mapas, planos e carteis). Os fondos están depositados nunha das salas da biblioteca parlamentaria que leva precisamente o nome de “Sala Carballo Calero”.
Na súa memoria, un instituto de ensinanza secundaria, un centro cultural e un prestixioso certame de narrativa e de investigación lingüística-literaria recordan o seu nome en Ferrol.
A pandemia do COVID-19 obrigou a retrasar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que terá lugar en Ferrol o 31 de outubro cadrando co 110 aniversario do seu protagonista, o ferrolán Ricardo Carvalho Calero; pero a celebración do Día das Letras Galegas proxéctase con forza no espazo virtual hoxe, día 17 de maio de 2020.
Así, a Real Academia Galega estará ofrecendo contidos diversos a través da rede pensados para aproximar de maneira amena a figura e a obra do homenaxeado ó público de tódalas idades. Os cativos e as cativas dispoñen de propostas lúdicas e didácticas na web https://primaveradasletras.gal/, un espazo para a comunidade de infantil e primaria que dende comezos do mes de maio bate récords, duplicando o número de páxinas vistas e cun incremento por enriba do 185% no número de usuarios.
A Real Academia Galega está, ademáis, ofrecendo cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais «Unha palabra para Don Ricardo» https://academia.gal/letras-actual#tab6, un produto feito dende o confinamento que se suma a outros coma a serie de entrevistas dixitais que a institución está publicando na sección que lle adica a Carvalho Calero na súa web principal, https://academia.gal/. Nesta mesma fiestra dixital, o académico Henrique Monteagudo firma a biografía do homenaxeado, percorrendo os principais momentos e títulos da súa traxectoria.
Suscríbete a nuestra Newsletter para recibir las últimas noticias de nuestro blog directamente en tu correo.
Elegir a un profesional del derecho en la era actual presenta desafíos sin precedentes. La…
Muchas son las trabajadoras del sector de la conserva que todavía no han cobrado el…
Es cierto que ningún gerente puede avanzar sin el apoyo de su equipo, pero también…
Hoy entra en vigor el Real Decreto 286/2022, de 19 de abril, por el que…
El Pleno del Senado aprueba la ley que modifica el Código Penal con el fin…
Un trabajador de la empresa de aluminio Cortizo fallecía esta madrugada a causa de un…