O artigo 3 da Constitución española establece que as demáis linguas do Estado español serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas dacordo cos seus Estatutos. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respeto e protección. O artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia garantiza a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo. Ó mesmo tempo, responsabiliza ós poderes públicos da normalización do galego en tódolos ámbitos.

A lingua é a maior creación colectiva dos galegos, é a forza que lle da unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque a recibimos del como patrimonio vivo, e uniranos co futuro, porque a recibirá de nós como legado de identidade común. Na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo. Así e todo, na actualidade afronta tamén dificultades, fundamentalmente no ámbito empresarial e incluso nos contextos familiares das principais urbes galegas, nas que está aumentando a presenza do castelán como lingua principal dos fogares.

A Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, regula os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos ós ámbitos da administración, a educación e os medios de comunicación.

Interésanos especialmente o Título III desta Lei, rubricado “Do uso do galego no ensino”. Establece que o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos. Os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino.

Como isto non abondaba, elaborouse o Decreto 79/2010 sobre o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Para acadar estes fins, é preciso afondar no disposto polos preceptos da Lei de normalización lingüística no referente ó ensino, sen dúbida un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego, e establecer unha nova regulación do galego que facilite o seu uso en tódolos niveis e grados non universitarios. Neste senso, é preciso facilitarlle ó alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e que lle capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente a súa discriminación en tódolos eidos.

Este decreto dispón que na Administración educativa de Galicia e nos centros de ensino sostidos con fondos públicos empregarase, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarase o seu uso oral e escrito. Entre os principios a partires dos cales se elabora o decreto, atópanse os seguintes:

  • A garantía do máximo equilibrio posible nas horas semanais e nas materias impartidas nas dúas linguas oficiais de Galicia, co obxectivo de asegurar a adquisición da competencia en igualdade nelas.
  • A promoción da dinamización da lingua galega nos centros de ensino.

A continuación, imos debullar o decreto para analizar as súas disposicións e a correspondente aplicación das mesmas nos diferentes niveis académicos.

A educación infantil é a etapa máis importante para que agrome o galego nos cativos, para facer do noso idioma a súa lingua materna. Neste momento, o profesorado procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento do galego. Atenderase de xeito individualizado ó alumnado tendo en conta a súa lingua materna; lingua que será determinada polo centro educativo dacordo co resultado dunha pregunta que se efectuará ós pais e ás nais antes do comezo do curso escolar. A opinión e o apoio dos pais cobra gran importancia no que se refire ó uso do galego nas aulas. Deben ser eles os primeiros en concienciarse para cultivar a semente do galego nas xeracións vindeiras.

Na educación primaria garantizarase a adquisición da competencia lingüística propia da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais de Galicia. Impartirase en galego a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas. Cada centro educativo encargarase de garantizar que as materias en galego e en castelán se distribuen na mesma porcentaxe das horas semanais. Igualmente, na educación secundaria, impartiranse en galego as materias de Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, e en castelán as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química. Do mesmo xeito, coas garantías de que as materias en galego e en castelán se distribuen na mesma porcentaxe das horas semanais.

En Bacharelato, cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no reglamento de centros, establecerá unha oferta equilibrada na mesma porcentaxe de materias comúns, de modalidade e optativas para impartir en galego e en castelán.

Coa finalidade de promover o uso do galego nos centros, a Consellería competente en materia de educación establecerá un programa regular de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento no uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

Estas medidas non están a cumprir a súa función. Falamos dunha lei que entrou en vigor no 1983 e, aínda que intentou renovarse a través de decretos, non é abondo. Non consegue o obxectivo para o que foi creada pois, atendendo ó resultado de diferentes estudos, podemos concluir que se perde a transmisión do galego ás novas xeracións.

No 2014, o Instituto Galego de Estadística despertou na sociedade galega unha alarma ante o retroceso do noso idioma. Tan só un de cada catro galegos menores de 15 anos fala a nosa lingua. E a xeración seguinte, entre 15 e 30 anos, inclínase noutro terzo polo castelán. Á súa vez, do total da comunidade galega, que se aproxima ós tres millóns de habitantes, fala galego só un terzo e, ademáis, en boca de xente maior de 65 anos. O idioma autóctono envellece sen que atope renovación.

Os cativos ven que o castelán é a lingua predominante en casi tódolos ámbitos, dende a escola ata o fogar, e rematan por utilizar aquilo que máis escoitan. Non é unha tarefa sinxela conseguir que terminen falando galego maioritariamente ou, incluso, que o empreguen nalgunha ocasión. O galego xa non é a lingua habitual da gran maioría dos nenos e nenas, posto que nin nas escolas é o idioma utilizado, a pesares do disposto na lexislación, nin é unha preocupación para os pais inculcarlles ós seus fillos a cultura galega e o idioma. Os pais dos nenos de hoxe foron criados por galegofalantes que decidiron educar ós seus fillos en castelán, cheos de falsos prexuízos. E o resultado disto é que estes nenos, os netos e netas de galegofalantes, non son educados en galego, porque ós seus pais ninguén lles ensinou o idioma e, naqueles casos nos que sí, non senten a preocupación por transmitilo.

A transmisión do idioma de pais a fillos é a chave para o futuro de calquera lingua. Definímonos polo noso idioma; a lingua propia de Galicia. Perténcenos como pobo, recibímola en herdanza e de igual maneira nos corresponde deixala. A lingua é a nosa marca de identidade, o noso privilexio e orgullo. Foinos outorgado un legado único, e temos a responsabilidade de mantelo e de transmitilo. As linguas só perviven se os seus falantes queren usalas.

Se os nenos e nenas medran co galego nunca chegarán a preguntarse por qué non falan na lingua propia da terra na que naceron. O galego é un engadido que lles damos e que depende por completo de nós. Non vai evitar que aprendan outras linguas, o castelán está en tódalas partes. Tódolos nenos e nenas que falan galego saben tamén castelán, o caso inverso non sempre ten lugar. Os nenos e nenas galegofalantes son bilingües. Pola contra, os que só falan castelán, non.

Con todo, o retroceso da lingua aumenta, a pesares das disposicións legais e a planificación lingüística iniciadas coa promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia no 1981, ó que seguiron a Lei de Normalización Lingüística de Galicia, de 1983, e o Decreto sobre o plurilingüismo no ensino non universitario, de 2010.

Existen outros estudos, por exemplo “Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016”, por Henrique Monteagudo, no que se advirte unha creba xeracional do idioma. Este traballo, recentemente presentado o Día Internacinal da Lingua Materna, expón unha crise xeracional entre os mozos e os máis maiores. Amósanos que o uso do galego diminue a gran velocidade nas áreas urbanas e periurbanas, principalmente en Vigo e A Coruña. Así mesmo, mantense ou redúcese nas zonas rurais, cada vez máis despobladas.

Á presión do castelán nos medios de comunicación e na cultura, súmaselle agora a demanda dunha terceira lingua europea, o inglés, en escolas e institutos. Nenos, nenas, mozos e mozas galegos vense ante un reto trilingüe que incide, por razóns sociais, políticas, culturais e económicas, sobre o seu réxime e expectativas de vida.

Vista a situación, debemos recoñecer a afouteza e resistencia do galego ó longo dos séculos. Máis sólido e ergueito ca quen o manipula, menospreza ou oficializa por razóns políticas.

 

«Idioma meu, homilde, nidio, popular,
labiego, suburbial e mariñeiro
que fas avergoñar
ó burgués, ó señorito i o tendeiro:
levas sangue do povo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sin mágoas nin tristuras.

Idioma proscrito,
asoballado, soterrado,
refugado, negado
como a probeza i o delito,
fala do emigrante e do maldito:
soio resoas nos lares
das xentes populares.

¡Ti tés que rexurdir puro,
poderoso, enteiro
pra erguer noso futuro
de povo ausoluto e verdadeiro”

FONTES:

GCiencia

Apego

Canto ó idioma galego, Manuel María Fernández

Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística.

Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.