O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de A Coruña acordou nun auto aceptar as solicitudes do Concello de Sada e da Xunta de Galicia para intervir no proceso iniciado polo Estado o pasado mes de xullo para reclamarlle á familia Franco a propiedade do pazo de Meirás.

As administracións adhírense deste xeito ó procedemento xudicial, pero non teñen carácter autónomo, pois a súa lexitimación para intervir está subordinada á parte demandante, é decir, ó Estado. Tanto o Concello como a Xunta, por tanto, intervirán no proceso en calidade de parte co-axudante adhesiva simple do demandante.

A maxistrada considera no auto que as dúas administracións teñen un interese directo e lexítimo na causa e estima os argumentos que presentaron nas súas solicitudes. Á hora de acordar  a súa intervención no proceso tivo en conta o papel relevante do Concello de Sada nas accións tendentes a recuperar o pazo, así como que, segundo o Concello, non solo se pretende a recuperación do patrimonio, senon darlle un uso público. En canto á Xunta, a resolución sinala que o Parlamento de Galicia foi quen iniciou as accións para recuperar o ben, que foi declarado no 2008 pola comunidade autónoma ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico. Ademáis, indica que o Goberno autonómico ostenta as competencias respecto a protección do patrimonio.

 

 

Imaxe