O PSOE e o BNG asinan o acordo que pode descargarse a continuación (Acordo BNG-PSOE investidura de Pedro Sánchez) comprometéndose o segundo a votar favorablemente á investidura de Pedro Sánchez como Presidente do Goberno e comprometéndose, á súa vez, o candidato e o Goberno español a:

Lembramos neste eido un post anterior onde comentamos as previsibles reformas que leve a cabo a coalición gubernamental formada entre PSOE e Podemos.

Autogoberno galego

  1. Avanzar no reforzo da capacidade de decisión do autogoberno galego para programar, durante a presente lexislatura, a activación da transferencia da totalidade das competencias pendentes recollidas no Estatuto de Autonomía de Galicia, así como das competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento galego.
  2. Impulsar as reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza. Tendo en conta o actual status de Galicia, Euskadi e Cataluña como nacionalidades históricas, comprometerse a que calquera modificación da estrutura territorial do Estado, asegurará a Galicia o mesmo status que as outras dúas.

Apoio á lingua galega

  1. Normalización do uso do galego na administración periférica do Estado, na administración de Xustiza, así como o respecto á toponimia galega.
  2. Recuperar horas de emisión dos medios de comunicación públicos estatais en desconexión para Galicia e na lingua galega.
  3. Facilitar a execución dos acordos do Congreso e do Parlamento galego para a recepción en Galicia das radios e televisións portuguesas.

Infraestruturas básicas

  1. Aprobar no Congreso dos Deputados a Proposición de Lei do Parlamento de Galiza para a transferencia da AP-9 ao longo do ano 2020, e incluír esta autoestrada nos esquemas de compensación para a rebaixa das peaxes que se poñan en marcha para as concesións de longo prazo aínda vixentes, garantindo como mínimo a bonificación de 100% da peaxe para os usuarios recorrentes (dúas veces ou máis ao día), tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana. O custo desta bonificación corre a cargo dos Orzamentos do Estado e aplicarase a partir da aprobación dos PGE de 2020. Gratuidade do tramo Vigo- Redondela. Ademais, establécese o compromiso de eliminar durante a lexislatura o impacto nos usuarios da AP-9 do incremento extraordinario acumulativo durante 20 anos.
  2. Modernizar a rede interior ferroviaria galega, acelerando a modernización, con actuacións concretas ao longo da presente lexislatura, para os seguintes tramos, como mínimo: A Coruña – Ferrol, A Coruña- Lugo e Vigo-, Fronteira Portuguesa no eixo atlántico ferroviario, así como a electrificación do tramo Ourense-Lugo.
  3. Actuar sobre a rede ferroviaria de mercadorías (Corredor Atlántico en Galicia), presentando proxectos que permitan acceder aos fondos europeos CEF cando se abra o novo prazo de axudas no ano 2021. Completar a conexión dos portos exteriores de Ferrol e Coruña á rede ferroviaria, durante o ano 2020.
  4. Impulsar o saneamento e rexeneración das Rías Galegas, e en concreto:
    • Reactivar o plan de dragaxe, rexeneración e recuperación da Ría do Burgo, recuperando os fondos xa orzados polo Estado (24 millóns de euros) e solicitando os fondos accesibles da Unión Europea.
    • Asegurar o cumprimento por parte de ELNOSA das súas obrigacións en relación coa reversión dos terreos que foron obxecto de concesión, para garantir a súa limpeza e posterior recuperación no ano 2020.
      O Goberno maniféstase a favor do traslado da planta de ENCE a outro enclave máis adecuado ambiental en Galiza, a través dunha fórmula que permita manter o emprego.

Transición enerxética

Participar nos procesos de descarbonización e de maneira máis xeral na transición enerxética a un modelo sustentable, impulsando unha transición enerxética xusta que implique compensacións territoriais, incentivos e o reforzamento do tecido industrial compatible co novo modelo. Neste ámbito, e para o caso específico de Galiza:

  1. Realizar as modificacións necesarias para incluír a Galiza no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-202 baixo as mesmas condicións e dereitos que Aragón, Asturias e Castela-León. Desenvolveranse as modificacións necesarias e convocaranse as reunións de traballo sobre accións e Convenios de Transición Xusta coa máxima urxencia, debendo asinarse no primeiro semestre de 2020, e especificando en cada un deles as accións a realizar e as asignacións orzamentarias.
  2. No marco do carácter participativo e transparente da Estratexia de Transición, os sindicatos representativos con presenza nos centros afectados participarán no comité de supervisión ministerial-sindical recollido no Acordo para unha transición enerxética xusta para centrais eléctricas pechadas.
  3. Desenvolver as accións necesarias, de manera inmediata, para incluír a Galicia no chamado «equipo de país» da Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición, xunto con Aragón, Asturias e Castela e León.

Empresas electrointensivas

En relación co Estatuto de Empresas Electrointensivas, en tramitación, deberán terse en conta os seguintes criterios:

  1. Con carácter xeral, liberar a factura de cargos que non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico en calquera caso non serán imputados á tarifa que pagan o resto de conumidores. Ademais, adoptar medidas orientadas a reducir da factura enerxética da industria electrointensiva. Antes de 21 de marzo de 2020 constituirase unha mesa tripartita permanente (na que participarán os sindicatos máis representativos na Galiza) para avaliar a evolución dos custos, da incidencia de peaxes e cargos da factura eléctrica, as melloras de eficiencia, a evolución da demanda e oferta en mercados internacionais, as melloras en innovación, e a incidencia no número e calidade dos empregos na industria electrointensiva.
  2. Esixir como contrapartida ás empresas que se acollan ao Estatuto un esforzo en investimentos e melloras nos procesos produtivos que reduza o impacto ambiental e garanta manter e ampliar o emprego directo.
  3. Tamén con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, as industrias electrointensivas terán a máxima compensación permitida pola UE, por custes de emisións indirectas de CO2, para competir con industrias semellantes instaladas noutros lugares do mundo onde non se limitan as emisións de dióxido de carbono.

Industria galega

  1. Adicionalmente, reforzarase a axenda industrial galega para poñer ao dispor do seu tecido industrial todos os instrumentos de política industrial como o Plan Reindus, IC4, subvenciones CO2, etc. Así mesmo reforzaranse as actuacións do ICEX e Cofides no acompañamento ás empresas galegas na súa internacionalización, a EOI para atraer e reter talento e ENISA para impulsar o emprendemento.
  2. Prestarase unha especial atención á industria naval, que articula a produción de riqueza e emprego nas áreas de Vigo e de Ferrol, convertendo Navantia nun complexo industrial integral que apoie a súa actividade na construción naval civil, así como ao seguimento e intervención nas empresas do sector do aluminio, poñendo en marcha de forma inmediata a Mesa de traballo sobre Alcoa-San Cibrao, con presenza da empresa, os sindicatos e as administracións. E efectuando un seguimento preciso para garantir o cumprimento dos compromisos de investimentos e mantemento do emprego por parte dos novos propietarios de Alcoa-A Coruña.

Violencia de Xénero

Modificación da Lei Integral contra a Violencia de Xénero e a Lei Orgánica do Poder Xudicial, a fin de poder considerar os delitos sexuais contra as mulleres como violencia de xénero, e ampliar o número de xulgados de violencia de xénero en Galicia e, en concreto, de maneira urxente, en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial.

Avellentamento da poboación

O Goberno adquire nesta lexislatura a responsabilidade de achegar o 50% estable que corresponde á Administración Xeral do Estado para o financiamento da Lei de Autonomía Persoal e de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, coas especificidades que corresponden á Galiza, para compensar o sobre custo na prestación nestes servizos debido a dispersión e ao envellecemento da poboación así coma o recortes producidos a partir do ano 2012.

Prestacións percibidas do extranxeiro

Durante 2020, serán adoptadas as medidas necesarias para evitar que as prestacións recibidas desde o estranxeiro por emigrantes retornados sufran unha dobre tributación, co obxectivo de evitar calquera trato discriminatorio entre a prestación interna e a estranxeira. Así mesmo, tratarase o prexuízo para os pensionistas tanto na aplicación de límites diferentes de renda para tributar no IRPF, como na circunstancia de recibir rendas de dous pagadores diferentes. Establecerase un marco homoxéneo para todas as pensións, contemplando as exencións de presentar IRPF e tributación a partir das mesmas cantidades que as pensións internas.

Número de funcionarios que ingresan nas Administracións Públicas

Analizar as fórmulas para mellorar progresivamente as taxas de reposición de efectivos nas administracións públicas, co fin de garantir o bo funcionamento dos servizos públicos.

Factura da luz

O goberno estudará posíbeis compensacións tarifarias ás comunidades produtoras excedentarias de enerxía eléctrica, para abaratar a factura da luz, actuando sobre o custo de transporte, de forma que se compensen os custos sociais e ambientais producidos.

Derrogación das seguintes leis e reformas

  1. A reforma laboral e da negociación colectiva, respectando os marcos autonómicos de relacións laborais. Impulsaremos o diálogo institucional incluíndo a todas as organizacións sindicais que gozan da condición de máis representativas a nivel estatal.
  2. A reforma das pensións de 2013.
  3. A LOMCE.
  4. O artigo 315.3 do Código Penal, que dispón o seguinte: “quenes actuando en grupo ou individualmente, pero de acordo con outros, coaccionen a outras persoas a iniciar ou continuar unha folga, serán castigados coa pena de prisión dun ano e nove meses ata tres anos ou coa pena de multa de dezaoito meses a vintecatro meses”.
  5. A “Lei Mordaza”.

 

Co fin de garantir a verificación dos termos expostos no acordo, crearase unha comisión de seguimento que se reunirá regularmente con carácter cuadrimestral ou ben cando calquera das dúas partes considéreo pertinente.

 

 

 

Imaxe