Este Anexo I contén todo o relativo ó comercio ou prestación de servicios considerada non esencial que seguirá prestándose nos concellos con menor incidencia por COVID-19. Permítese a apertura de bares e restaurantes? Cal é o aforo permitido no pequeno comercio ou nos grandes centros comerciais? En qué condicións pode haber “mercadillo” ou feiras? Transporte público?

Velorios e enterros.

Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, cun límite máximo, en cada momento, de 25 persoas en espazos ao aire libre ou de 10 persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes. No enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de 25 persoas, sexan ou non conviventes.

Celebracións con motivo de cerimonias relixiosas ou civís.

En calquera caso, nas celebracións posteriores á cerimonia propiamente dita de- berase respectar un máximo de 100 persoas en espazos ao aire libre ou de 50 persoas en espazos pechados.

Establecementos e locais comerciais

Se non forman parte de centros comerciais, non poderán superar o 50% da súa capacidade total, e se teñen a condición de centros comerciais ou forman parte deles, tampouco. A capacidade das zonas comúns dos centros e comerciais queda limitada ao 33 %. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.

Mercados na vía pública e feiras

No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, non poderán superar o 50% por cento dos postos habituais ou autorizados. Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar esta limitación. Á hora de determinar os comerciantes que poden exercer a súa actividade, o concello poderá dar prioridade a aqueles que comercializan produtos alimenticios e de primeira necesidade.

Academias, autoescolas e centros de formación

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do 50% respecto do máximo permitido.

Establecementos de hostalaría e restauración

Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o 50% da súa capacidade para consumo no interior do local. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra.

As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao 75% por cento das mesas permitidas.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do Concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto, respectando, en todo caso, unha proporción do 75% entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas. No caso de que estea en vigor unha limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, os clientes deberán abandonar o establecemento antes da hora de comezo da limitación.

Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos

A ocupación das zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos non poderá supe- rar o 50% da súa capacidade.

Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións

Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o 50% da capacidade máxima permitida. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata seis persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes, e incluído o monitor ou guía.

Actividade en cines, teatros, auditorios, circos de toldo

Os cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares poderán desenvolver a súa actividade, contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o 50% da capacidade permitida en cada sala. En calquera caso, será de aplicación un límite máximo de 60 persoas para lugares pechados e de 150 persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Actividades e instalacións deportivas

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de seis persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o 50% da capacidade máxima permitida.

Celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público

A celebración de eventos deportivos, adestramentos, competicións deportivas que se celebren en instalacións deportivas ou na vía pública poderá desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o 50% da capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de 60 persoas para lugares pechados e de 150 persoas ao aire libre.

Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil

Poderanse realizar cando se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao 50% da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 100 participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o 50% da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 50 participantes, incluídos os monitores.

As actividades deberán realizarse en grupos de ata seis persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores correspondentes.

Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre

Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

Celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares.

Poderanse celebrar sendo promovidos por calquera entidade, de natureza pública ou privada, sempre que non se supere o 50% da capacidade permitida do lugar de celebración e cun límite máximo de 60 persoas para lugares pechados e de 150 persoas ao aire libre. O recollido neste número será tamén de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e eventos similares.

Establecementos e locais de xogo e apostas.

Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o 50% da capacidade permitida.

Os establecementos e locais deberán pechar non máis tarde das 00.30 horas, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente nin expedir consumición ningunha desde esa hora, e cun período máximo de desaloxo de trinta minutos. No caso de que estea en vigor unha limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, os clientes deberán abandonar o establecemento antes da hora de comezo da limitación.

Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.

Con carácter xeral, calquera outro local ou establecemento comercial para o cal non se recollan expresamente unhas condicións de capacidade nesta orde, nin en protocolos ou normativa específica que lle sexa aplicable, non poderá superar o 50% da capacidade autorizada ou establecida. En calquera caso, deberase respectar un máximo de 60 persoas para lugares pechados e de 150 persoas ao aire libre.

O disposto aquí non será de aplicación en:

– establecementos comerciais de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade,

– establecementos farmacéuticos, servizos médicos ou sanitarios, ópticas, produtos ortopédicos, produtos hixiénicos,

– salóns de peiteado,

– prensa e papelaría,

– combustible para a automoción,

– estancos,

– equipamentos tecnolóxicos e de telecomunicacións,

– alimentos para animais de compañía,

– comercio pola internet, telefónico ou correspondencia,

– tinturarías e lavandarías,

Transportes

  1. Nos vehículos que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros con reserva de praza, poderase ocupar a totalidade dos asentos reservados, garantindo no resto de prazas que non se ocupen asentos contiguos, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou habitacional.
  2. Nos vehículos que realicen transporte regular de uso especial de escolares, poderase ocupar a totalidade dos asentos.
  3. Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, garantirase que non se ocupen asentos contiguos, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou habitacional.
  4. Nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, establecéndose como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.