O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a suspensión cautelar solicitada por un particular das medidas sobre o uso obrigatorio de máscara en praias, piscinas e establecementos de hostalería, aínda que se poida manter a distancias de seguridade de 1,5 metros, aprobada pola Xunta. Os maxistrados indican que o seu uso “forma parte dun conxunto integral de medidas de prevención e control que poden limitar a propagación de determinadas enfermidades respiratorias causadas pola COVID-19”.

“Dende logo, o que non pode prevalecer nesta labor de valoración dos intereses enfrontados, é o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ó interese público, cuxa salvagarda subxace na obriga do seu uso. Esta incomodidade, de xeito algún pode xustificar a non aplicación dunha medida de carácter sanitario que foi adoptada nun contexto de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus a nivel de pandemia internacional”, recalca a Sala.

Os maxistrados tamén inciden que o uso xeralizado da máscara está “demostrándose coma unha das medidas máis eficaces para previr a transmisión da enfermidade”, polo que insisten en que resulta preciso “reforzar a súa utilización, ampliando os supostos nos que o seu uso resulta obrigatorio, co fin de evitar, especialmente, que as persoas asintomáticas que non coñecen a súa condición de portadoras da infección procedan á súa transmisión”.

A Sala, ademáis, destaca que o acordo da Xunta de 17 de xullo de 2020, impugnado neste procedemento, foi “o resultado do seguemento e avaliación contínua ó que debían de quedar sometidas as medidas acordadas no acordo do Consello da Xunta, de 12 de xuño de 2020, co fin de garantizar a súa adecuación a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”.

O cidadán que demanda a medida cautelar, segundo consta na resolución, pretende eludir o uso obrigatorio da máscara “baixo o argumento de que se faría casi imposible o cumprimento das normas de uso correcto establecidas pola OMS e o Ministerio de Sanidade”, tales como asearse as mans antes e despois de poñerse a máscara. “O que considera normas, son en realidade recomendacións dun uso correcto da máscara”, recalca o TSXG, ó tempo que sostén que a parte actora, para concluir que existe un risco para a saúde derivado do casi imposible cumprimento das normas de uso das máscaras, sitúase “nuns escenarios de incumprimento, dando por feito un comportamento irresponsable da poboación”.

 

 

Imagen