O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de A Coruña estima íntegramente a demanda interposta polo Estado e declárao propietario do Pazo de Meirás, polo que condena á familia Franco á devolución do inmoble sin ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incurrido para o mantemento da propiedade. No procedemento, a Xunta de Galicia, o Concello de Sada, o de A Coruña e a Diputación Provincial defenderon tamén a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constan seis familiares do ditador Francisco Franco e unha sociedade limitada.

A maxistrada Marta Canales declara na sentenza a nulidade da doazón efectuada no 1938 do predio denominado Torres o Pazo de Meirás ó autoproclamado Xefe de Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma. En relación a este fundamento, aclara a xuíza que, o mesmo ano no que se efectúa a doazón, constitúese unha Xunta Pro Pazo “del Caudillo” para mercar e regalar o Pazo de Meirás “al Generalísimo de los Ejércitos y Jefe del Estado Nacional”. “Su nombre era Francisco Franco Bahamonde, pero no se le regala a él por sí mismo, sino al jefe del Estado”. As alegacións dos demandados en relación á intención das vendedoras, que querían que o pazo se regalase a Franco a título persoal, non se comparten, di a sentenza, onde se conclúe que a literalidade dos documentos sobre a compravenda do pazo e posterior doazón non xera dúbidas, pois todos se refiren “al caudillo”.

No fundamento de dereito terceiro da resolución, a xuíza conclúe que a compravenda de 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos demandados e polo que Franco, a título particular, acada a inscripción do predio no Rexistro da Propiedade.

En relación a este extremo, afirma a maxistrada que non se acepta a argumentación dos demandados sobre a compravenda que realiza Franco coa intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que califica de “ficción” levada a cabo co único obxecto de poñer o ben ó seu nome. “Ninguna operación subyace entre las partes que se disimule a los efectos que defienden los demandados. El Pazo de Meirás se había entregado a la Junta Pro Pazo del Caudillo en la primavera de 1938, comprado en escritura pública por la Junta el 5 de agosto de 1938 y la Junta Pro Pazo hizo entrega formal al caudillo el 5 de diciembre de 1938. El 24 de mayo de 1941 no se entrega a Franco el pazo y Franco nada paga. La vendedora ya había vendido. La reservista [Manuela Esteban Collantes y Sandoval] ya había renunciado a su derecho. Franco nada compra”, insiste a resolución.

No que respecta á liquidación do estado posesorio (restitución dos gastos nos que podería ter incurrido a familia mentres foi titular do inmoble), a maxistrada entende que non cabe, ó ser a propiedade incorporada ó patrimonio da familia Franco “de mala fe”. Esa mala fe materialízase cando, tras aceptar “el caudillo” a doazón do Pazo de Meirás, en calidade de Xefe do Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa única finalidade de inscribir este ben ó seu nome no Rexistro da Propiedad, sen mediar prezo algún.

Recorda a xuíza que o Estado asumiu tódolos gastos da residencia estival que foi xestionada e administrada como residencia oficial do Xefe de Estado, polo que afirma que “el Pazo de Meirás se gestionaba de forma idéntica al Palacio de El Pardo”.

Ó entender que a propiedade do pazo corresponde ó Estado, a xuíza declara tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco se fixeron co inmoble, así como a doazón dos predios que se recollen nunha escritura de novembro de 1982.

Sobre o momento no que se presenta a demanda, que os letrados da familia Franco consideraron retraso desleal, entende a maxistrada que a posibilidade de articular a demanda xurde dun importante estudo histórico e dun consenso social, acadado tras moitos anos que responde a unha madurez do noso sistema democrático, e destaca que o Estado nunca renunciou ós seus dereitos.

Na sentenza conclúese que a parte actora demostrou a nulidade do título de compravenda esgrimido polos demandados, e acreditou de xeito contundente a posesión pública, pacífica, ininterrumpida e en concepto de dono ó seu favor, coas consecuencias de que a totalidade do predio debería inscribirse no Rexistro da Propiedade a favor da demandante e as inscripcións contradictorias existentes a favor dos demandados haberían de cancelarse, sendo éste o acordo da xuíza.

A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de A Coruña.

Descargar resolución: Jdo Primera Instancia 1 A Coruña 2 sep 2020

Recordamos: Admitida a adhesión da Xunta e do Concello de Sada á demanda para recuperar o pazo de Meirás.

 

 

Imaxe