Os maxistrados entenden que a empresa pode executar os despidos e deter a produción, pero debe manter as cubas en situación de retomala de maneira inmediata por se o ERE fose considerado nulo. A Sala do Social rexeita calquera actuación por parte do Estado na planta porque a representación do Ministerio de Industria manifestou que consideraba “desproporcionada a administración ou intervención xudicial” da factoría de Lugo.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou en parte a solicitude de medidas cautelares presentada polos sindicatos Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UXT Galicia) e ordena a Alcoa que se absteña de “levar a cabo cualquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas” na factoría de San Cibrao (Lugo).

As cubas de electrolise nas que se elabora o aluminio non poden parar así como así. Ten que ser en todo caso unha parada programada con antelación para evitar que o metal solidifique no seu interior. Unha parada así sería case irreversible, tal e como advertía o comité de empresa, pois significaría prácticamente o peche.

Os maxistrados entenden que sería unha medida desproporcionada outorgar á Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI) a administración da planta de aluminio mentres dure o proceso de impugnación de despido colectivo e se dite sentenza firme. O tribunal manifesta que, no canto da administración, a intervención sería, en todo caso, unha “medida alternativa igualmente eficaz e menos prexudicial para a empresa.

Os xuíces indican no auto que esta intervención, orientada a controlar as actividades desenvoltas na planta co obxectivo de manter as cubas en situación de reiniciar de inmediato tras unha eventual calificación de despido colectivo como nulo, non concorda, porén, coa posición procesual da Abogacía do Estado. Así, sinalan que, ademáis de manifestar na vista que non asistía en representación da SEPI, o avogado do Ministerio de Industria asegurou que consideraba “desproporcionada a administración ou intervención xudicial da planta”.

A Sala analiza tamén no auto, que da resposta á solicitude de medidas cautelares, a pretensión dos sindicatos de que por orde xudicial Alcoa se absteña de despedir ós traballadores afectados polo ERE. Os xuíces conclúen que isto non é posible, pois “trastornaría os límites e prazos” que debe cumprir a empresa con respecto ó expediente de regulación de emprego. Tampouco se acolle por parte do tribunal a pretensión de que de orde á factoría para que manteña a actividade na planta, por considerar que se trataría dunha “medida desproporcionada”.

Finalmente, sobre a solicitude de que se obrigue a Alcoa a manter as cubas en situación de retomar a produción de maneira inmediata, os maxistrados entenden que ese mantemento “devén imprescindible no caso hipotético da inmediata readmisión que se derivaría dunha declaración de nulidade do despido colectivo”, posto que o apagado das cubas electrolíticas, “aínda non sendo un proceso irreversible, ofrécese complexo, custoso e dilatado no tiempo, acarrexando, en suma, graves prexuizos ós traballadores”.

 

 

Imaxe