Hoxe sábado día 8 de setembro tivo lugar unha manifestación en Santiago de Compostela pola dignidade dos medios públicos, que partíu ás 10:30 da sede da corporación pública nas aforas de Santiago e que rematou ás 12:30 na Praza das Praterías, no centro da capital galega. Dita manifestación foi impulsada polo comité que representa ó persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega, apoiada tamén polo seu comité homólogo na RTVE Galicia, e chega despois de 16 venres negros, 16 semanas de movilización sostida contra as ataduras gubernamentais da información.

Con medio minuto de emisión o Telexornal da TVG de hoxe contentouse con informar sobre a manifestación

 

Xa dende mediados do pasado maio, profesionais da CRTVG denunciaban, ataviados cada venres de riguroso loito e con paros de 15 minutos na Radio Galega cada martes e xoves, o control e a manipulación que sofren por parte do Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo.

A loita da plantilla céntrase en reclamar a aplicación da lei de 2011 que obriga á creación do Consello de Informativos e ó nomeamento dun director ou directora xeral da CRTVG que debía contar co respaldo de dous terzos do Parlamento galego.

De este xeito, Feijóo, que chegou ó Goberno prometendo a transformación da radiotelevisión pública, o único que fixo foi poñela exclusivamente ó servizo do seu partido, así o denuncian os representantes sindicais dos traballadores. As presións son constantes e a manipulación está á orde do día, afirman profesionais veteranos que aseguran que están sendo relegados das súas tarefas. Producíuse un desembarco en postos claves de persoas afíns ó PP, varias procedentes do diario ABC, protestan membros do sindicato CUT.

Como dicimos, unha lei aprobada hai 7 anos obriga a crear un Consello de Informativos que vele pola obxectividade de ambos medios, pero non se cumple. Trátase da Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

¿Qué dispón a Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia?

O artigo 34.3 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que, no marco das normas básicas do Estado, a Comunidade Autónoma pode regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, todos os medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins. Con base nesta competencia estatutaria o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que permitiu a posta en marcha duns medios públicos de comunicación audiovisual en lingua galega.

Esta Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia garante os valores de pluralismo, veracidade e accesibilidade co fin de contribuír á formación dunha opinión pública informada, e prevé a regulación da organización e o control parlamentario dos medios de comunicación social de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Para iso a lei garante a independencia, obxectividade e veracidade da información, reforza a capacidade de control do Parlamento de Galicia, e prevé a creación dunha autoridade audiovisual independente de Galicia que realizará tamén as funcións propias do consello asesor. No eido interno, impídese a posibilidade de ceder a terceiros a realización e edición dos programas informativos, e establécese por vez primeira na Comunidade Autónoma un estatuto profesional da Corporación RTVG que prevé a creación dun consello de informativos.

O artigo 4 da lei dispón os principios nos que se fundamenta. A actividade de comunicación audiovisual da Corporación RTVG inspirarase nos seguintes principios, entre os que se atopan:

  • A promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia, o fomento da produción audiovisual propia e de emisións que coadxuven á proxección de Galicia cara ao exterior e de información ás comunidades galegas do exterior.
  • O reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia.
  • promoción activa da igualdade entre homes e mulleres e o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista.

Neste punto facemos un inciso para recordar a condena á CRTVG do TSXG por non respetar o dereito á folga feminista dunha presentadora habitual.

  • obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural.
  • separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sustenta estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.

O artigo 5 establece que o servizo público de comunicación audiovisual é un servizo esencial de interese económico xeral que ten por obxecto a produción, edición e difusión dun conxunto posible de canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, que cubrirán os distintos xéneros, destinadas a satisfacer as necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade, a preservar o pluralismo nos medios de comunicación e a promover o emprego da lingua galega.

A difusión por medio de canles dixitais temáticas asegurará unha maior participación e acceso ao espazo público de comunicación da pluralidade política, social e cultural representativa da sociedade galega. A realización e a edición dos servizos informativos non poden ser cedidas a terceiros, sen prexuízo de que os elementos accesorios da cadea de produción poidan ser obxecto de contratación externa.

Destacamos o artigo 36, o estatuto profesional recollerá a creación dun consello de informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles. As normas de organización e funcionamento do consello de informativos aprobaranse polo consello de administración, logo de escoitar as organizacións sindicais representativas.

De novo, os artigos 38 e 39 insisten la diversidade e no pluralismo. A Corporación RTVG asegurará o dereito que todas as persoas teñen a que a comunicación audiovisual inclúa unha programación en aberto que reflicta e respecte a diversidade cultural, ideolóxica e política da sociedade galega. O dereito de acceso na Corporación RTVG materialízase a través dos seguintes medios:

  1. A participación dos grupos sociais e políticos representativos, como fontes e portadores de información e opinión no conxunto da programación.
  2. O establecemento de espazos específicos na televisión e radio fixados polo Consello de Administración da Corporación RTVG, oída a autoridade audiovisual independente que se constitúa.

O artigo 18 dispón que os membros do consello de administración terán dedicación exclusiva e estarán suxeitos ao réxime de incompatibilidades de altos cargos da Administración autonómica, e a súa condición será en todo caso incompatible coa de membro do Parlamento ou do Goberno, co exercicio de calquera cargo de elección ou designación política e coa pertenza a organismos de dirección en partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais.

Continua este precepto aclarando un punto determinante: os membros do consello de administración no exercicio do seu cargo actúan con plena independencia e neutralidade, sen que poidan recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Goberno, da Administración, dos partidos políticos ou doutras institucións ou entidades.

A directora ou o director xeral exercerá as súas funcións con absoluta independencia, sen que poida recibir instrucións, directrices ou calquera clase de indicación imperativa do Goberno, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos partidos políticos nin doutras institucións ou entidades, segundo o artigo 25.

¿Cáles con os motivos desta manifestación?

Tódolos grupos da oposición no Parlamento autonómico esíxenlle a Feijóo a fin do uso perverso dos medios públicos, a dirección do ente opta polo silencio e o presidente galego desvincúlase. Feijóo ten asegurado que descoñece que a lei que o seu Goberno aprobou no 2011 obrigue a crear ese órgano que demandan os traballadores para protexer a súa independencia.

Feijóo desmárcase e descarga a responsabilidade sobre o director do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, pero fronte ás denuncias, a dirección do consorcio público opta polo silencio. En palabras do Presidente, “as cuestión da TVG debe contestalas a TVG”.

O férreo control informativo, aínda que non é nada novo, foise intensificando nos últimos tempos. Reléganse ós profesionais críticos, e encárganse das tarefas aqueles afíns ó Goberno. O representante sindical espuxo a lista das agresións á liberdade de prensa na CRTVG nunhas xornadas celebradas a semana pasada en Bruselas. “Temos contado desde manipulacións históricas, como a do Prestige, ata as actuais, como a da sentencia Gürtel, que a redactora xefa obrigou a emitir cunha duración máxima de 50 segundos”.

Entre a larga lista da intromisión política nas noticias, os traballadores enumeran a decisión de non retransmitir en directo a comparecencia de Feijóo no pleno do Parlamento na que debía explicar a súa relación co contrabandista condenado por narcotráfico, Marcial Dorado.

Advirte ademáis que no marco deste “ataque á liberdade de prensa dunha empresa que pagan tódolos galegos” a Xunta está promovendo recortes sistemáticos. O presuposto baixa de ano en ano de xeito que fronte ós máis de 147 millóns de euros que había co bipartito de PSOE e BNG nos anos 2007 e 2008, para 2019 será de apenas 104 millóns e a plantilla que ronda os 900 traballadores, sempre baixando.

Os profesionais da comunicación visten de negro os venres para intentar chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o seu traballo con criterios profesionais, explican desde Defende a Galega, o colectivo impulsado polos propios profesionais. Solicitan que se faga valer o dereito dos cidadáns a dispoñer duns medios de comunicación públicos e de calidade.

Nada disto é posible cando un partido político, unha corporación, unha minoría organizada ou o propio Goberno se infiltran de tal maneira na TVG e na Radio Galega, que é quen de impoñer os seus criterios de selección de noticias, o seu argumentario e os seus intereses particulares. Neste punto os medios públicos perden a súa razón de ser porque o dereito á información pervírtese.

A CRTVG non forma parte do botín que se levan os partidos que gañan as eleccións e por iso non se pode permitir que a dependencia do Goberno da Xunta ou das formacións políticas se convirta en crónica nos medios públicos. Pedimos como primeiro paso que se cumpla a lei.

Todo isto acarrexou a dimisión dos presentadores do Telexornal, Alfonso Hermida e Tati Moyano, que presentaron a súa dimisión como presentadores do espazo por “razóns profesionais” e “discrepancias coa liña informativa”, así como a sanción a unha presentadora, Beatriz Moyano, a quen lle abriron un expediente.

Nos últimos días á movilización deste sábado sumáronselle numerosos apoios. Máis alá da oposición parlamentaria galega, secundan as reivindicacións de comités de outros medios públicos como TVE, TV3 ou Telemadrid, así como a Academia Galega do Audiovisual, e outras organizacións do sector das artes escénicas. Tamén chegaron apoios desde diversos concellos, por parte dos principales sindicatos, de entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística e de periodistas de diversos medios de comunicación, actores e actrices, así como da ciudadanía a título individual que avanza a través das redes sociais.

 

 

Imaxe: CRTVG