Ana María Victoria Moreno Márquez naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939. Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, chega a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora e axiña asumiu a cidadanía en galego, lingua que escolle para as súas obras, tanto na narrativa, infantil e xuvenil, como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas. Unha galega de elección, pontevedresa de adopción.

María Victoria Moreno foi unha profesora que impactou ós alumnos do franquismo e da democracia. Tanto entre os seus alumnos de Lugo ós que lles impartiu baixo a ditadura franquista, onde entrou en contacto coa lingua galega, como entre os nados nos anos 80, a derradeira xeración á que deu clase no Instituto Torrente Ballester de Pontevedra antes de falecer como consecuencia dun cancro en novembro do 2005.

A súa fascinación desde moi nova por Galicia e pola súa lingua provocaron nela unha entrega absoluta á defensa e promoción do galego.

«Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria, en 1993, no congreso «Poetas alófonos en lingua galega».

Dúas décadas atrás, a autora publica Mar adiante, o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho.
Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ó público máis novo, ó que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior.

Na súa estapa docente, María Victoria Moreno facilitou libros que non chegaban á xente da rúa nin ó profesorado sequera porque estaban prohibidos pola dictadura e, ademáis, deu clases particulares, algunhas na clandestinidade.

Este ano 2018 adícanselle as Letras Galegas.