A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou o recurso interposto polo Concello de Vigo contra a denegación, por parte de Patrimonio da Xunta, da autorización para executar o proxecto de rehabilitación e transformación do contorno urbano da Gran Vía. Os maxistrados, por tanto, anularon a resolución da Administración autonómica que impedía, debido á catalogación dalgúns edificios, a instalación de escaleiras mecánicas nalgúns dos tramos da rúa.

A Sala, cun voto particular en contra, revocou a resolución ó entender que as obras non precisan a autorización de Patrimonio, pois a Xunta non acreditou a afectación que terían na integridade dos edificios catalogados, así como na súa “percepción, comprensión e estudo”.

Na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación, os xuíces avalan o proxecto, enmarcado dentro da estratexia Vigo Vertical e aprobado pola Xunta de Goberno Local en xaneiro do 2016. O TSXG entende que a denegación da execución das obras en Gran Vía require que se xustifique “concretamente” qué finalidade persegue a protección dos edificios e indica que, neste caso, realizouse “desde o exame do proxecto, prescindindo da súa concreta afectación ós inmobles catalogados”.

O Superior, ademáis, asegura que son “ós entes locais, a través dos catálogos dos instrumentos de planeamento, a que lles corresponde incluir os bens do seu patrimonio cultural e delimitar o seu entorno de protección, sen perxuízo de que a Xunta poida elaborar directrices e recomendacións”. Neste caso, segundo destacan os maxistrados, “non se discute que o proxecto afecta a un espazo público que está situado a menos de vinte metros de varios edificios catalogados”, senon a protección subsidiaria para os edificios catalogados.

 

 

Imaxe